A natureza da música

EcoSons é un festival de música para a natureza en formato romaría.

Mais que iso, EcoSons quere ser un punto de encontro entre a música e a natureza dende diferentes perspectivas e disciplinas. Un espazo para apoiar á concepción, produción e consolidación de proxectos sustentados no respecto e o coidado do natural.

Dende a aparición do ser humano, a natureza serviu como fonte de recursos e proporcionou servizos como a renovación do oxíxeno atmosférico, a mellora do ciclo da auga ou a diversidade ecolóxica. Pero tamén a madeira que permite facer instrumentos musicais. Na natureza, a presencia da madeira aporta unha reverberación característica onde os sons resoan no seu interior e a súa escoita asóciase máis a un espazo pechado que a un aberto. Sons que se moven dentro e fora dos bosques, igual que o sendeiro serpea dentro e fóra dos claros. En certa medida, EcoSons quere pechar o círculo devolvendo á natureza a música que esta permite facer.